Mostrando postagens com marcador maio2007. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador maio2007. Mostrar todas as postagens

LETRAS 2007

CADERNO LETRAS GALEGAS 2007

Para poder velo en tamaño que che permita a súa lectura, pincha en "FULLSCREEN"

O CONTO DO PARVO E O LISTO

Eran dous irmáns, un parvo e outro algo máis listo que vivían coa súa nai.
Namentres a nai traballou todo foi bastante ben, pero a coitada enfermou e tivérona que coidar os fillos, xa que non tiña a ninguén máis que o fixera.

Un día díxolle o listo ao máis parvo:
- Eu vou aos toxos e ti daslle o almorzo á nai.
(ningún dos dous fora onda ela desde a noite anterior)

O parvo puxo o pote ao lume, fíxolle as papas e levoulle unha cunca e mailo pote onde a cama.
Chamou por ela e non lle respondeu. Entón o parvo púxolle o pote enriba dela e a taza na cama, e díxolle:
- Para que comas cando queiras! (e marchou todo enfadado).

A nai xa non precisaba do almorzo pois a coitada estaba morta.
Vai ti saber canto tempo levaba morta!

Cando voltou o listo dos toxos díxolle ao seu irmán:
-Almorzouche a nai?

O irmán parvo respostoulle:
- Non me falou, pero o almorzo quedoulle alí.
Que o coma cando queira! -dixo anoxada-

O irmán listo foi onda ela. Chamouna e tampouco lle falou, entón dixo:
- Ela debe estar morta porque está moi fría
Que lle fixeches?

O parvo contestoulle:
- Eu non lle fixen nada. A min non me falou e deixeille aí o almorzo para que o comese cando quixese.
- E agora como imos facer para enterrala? Vai ser mellor que collamos esa cancela e a levemos nela á igrexa -dixo o irmán listo-

Como eran dous homes con moita forza, levarona á igrexa sen atrancos.

Mais, o que vos son as casualidades!
Cando eles chegaban ao adro da capela, saían uns ladróns de roubar na casa do crego. O parvo e mailo listo agocháronse subindo a un carballo eles e a cancela despois de deixar á nai no chan tras dunha árbore.

Os ladróns sentaron, por mala sorte, baixo o carballo e puxéronse a contar e repartir os cartos que lle viñan de roubar ao crego.

Un dos ladróns tña sede e dixo:
- Quen me dera unha auguiña do ceo!

E o parvo díxolle ao listo, de vagariño:
- Méxolle...méxolle?
- Non, non -dixo o listo-, pero xa era tarde e o ladrón bebeu.

O ladrón voltou dicir:
-Quen me dera unha tortilliña....teño unha fame!

O irmán parvo preguntoulle ao listo:
- Cágolle...cágolle ?
- Non , non -dixo o listo-, pero xa era tarde e o ladrón como tiña moita fame, era de noite e non se vía, comeuna.

Cando rematou de comer dixo:
- Ai, se viñera un raio do ceo e nos matase!

O parvo non o pensou máis e botoulle a cancela do carballo embaixo. Porrón...pon...pon...pon...!

Os ladróns fuxiron a fume de carozo e co medo que colleron e coa présa, deixaron alí os cartos, ¡que non eran poucos!

Entón os irmáns baixaron da árbore, colleron os cartos, enterraron a nai e:

Viviron felices, comeron perdices, e a nós déronnos coa cancela nos narices!

UN DÍA NA ALDEA

Era por este tempo, na primavera, o tempo de facer as aradas do campo para botar as patacas e o millo. Sempre compría madrugar, erguerse cedo.
Pola mañanciña o avó erguíase cedo para xunguir as vacas e marchar para a nabeira traballar. Mentres, a avoa muxía as vacas e facía o almorzo para levarllo ao avó á nabeira.

O avó paraba a xugada ao ver chegar a súa muller co almorzo e, cando non lle traía leite, el collia unha cunca do caldo e enchíaa muxindo nunha das vacas que tiña xunguidas.

Unha das vacas que estaba xunguida púxoselle de parto, pola tarde cando estaba a traballar. O avó tivo que axudar a botar a cría atándolle unha corda ás patas do becerro e turrando por ella coa axuda dalgúns veciños que chamou.

Cando naceu a cría, o avó botoulle sal na boca e o xato comezou a berrar e espirrar, meneando a testa. Despois o avó deixouno para que a vaca o lambese.

Recollido por Thais López Sánchez de 5ºA
Orixe: A Barrela

AVENTURAS E DESVENTURAS DE RICARDO ESTÉVEZ

Comezaba o século XX e o meu bisavó Ricado tiña uns trece anos. Como vivían na aldea e tiñan poucos cartos. O seu pai decidiu mandalo de aprendiz de boticario. Entón, meu bisavó colleu o tren para ir ao traballo na botica dun parente. E mentres estaba alí vivindo cos seus parentes coñeceu a un fogueteiro, e aprendeulle como se facían os foguetes.
Un día os seus parentes, donos da botica, estaban a traballar no campo mentres Ricado atendía o negocio. De súpeto escoitouse un estourido, e ao pouco tempo achegouse un veciño e díxolle:
-Oes, semella que sae fume da botica!

Foron alí ás présas. Entraron e viron ao Ricardo tan campante cos cóbados enriba do mostrador e a testa apoiada nas mans.
-Pero...que pasou? -preguntáronlle.
-Nada! -respostou Ricardo.

Máis os pelos de punta e a cara negra dicían outra cousa.
Ricardo aproveitara que estaba só na tenda para tentar facer un experimento:o foguete que lle ensinaran. Colleu os ingredentes, e moita pólvora; pero como non tivo ollo estouroulle.
Abonda dicir que aquí rematou a súa carreira de boticario. Mandárono para a casa. Todo o que lle aconteceu despois, xa é outra hitoria.

Recollido por Irene Barreiro Estévez de 5ºA
Informante: Ignacio de Crecente

MISTERIOS DE CAMBADOS

Dende hai moitos anos, en Cambados, no pobo dos meus avós existe unha lenda contada de pais a fillos que di o seguinte:

Que no Pazo de Fefiñáns antigamente existian pasadelos subterráneos segredos para que os nobles e señores que alí vivian puidesen fuxir no caso que o precisasen, mesmo por unha invasión inimiga.

Estes pasadelos, á súa vez conectaban a través do subsolo con outros castelos e pazos da zona podendo así refuxiarse noutros lugares, facendo case que imposíbel dar con eles.

Co paso do tempo e despois de numerosas pescudas, chegouse á conclusión de que na maioría dos castelos e pazos que pertenceron a esta época tiñan agochados pasadelos segredos.

Outra historia similar é a do Castelo de Soutomaior que pertenceu a Dona Urraca,aquí tamén se atopan moitos pasadelos subterráneos ainda non descubertos.


Recollido por: Noa Novas - 6ºB

O GATO MICHIÑO

Corrían os tempos da posguerra española, e a miña avoa tiña 4 fillos. Eran tempos moi duros nos cales custaba moito manter unha familia de tantos fillos.

A miña avoa adicábase a coser e remendar a roupa por uns poucos céntimos, era un traballo que facía de sol a sol. Como non podía estar pendente dos seus fillos,tiña que deixalos moito tempo sós noutro cuarto da casa, mentres ela cosía e cosía.

Pero, como eran tempos de suciedade, moita pobreza e inmundicia, había moitas ratas (eran grande e agresivas).
Á miña avoa asustábana moito, polo que foi falar cunha meiga que vivía preto da casa a contarlle que tiña medo de deixar sós aos nenos, e nestas que as ratas os trabasen.

A meiga regaloulle un gato de cor marrón, grande, precioso, cuns ollos amarelos escintilantes, e díxolle que ese gato había de coidar os nenos.

Meu dito, meu feito! Aquel gato sentaba no marco da ventá e sempre estaba pendente dos nenos, non lle compría saír cazar pois tiña a caza na casa.
Ningunha rata volveu asomar xamais pola casa da miña avoa.


O abraiante deste relato é que cincuenta anos despois, na casa da miña avoa seguia aparecendo un gato marrón e amarelo que sempre seguía a pórse preto do lugar onde había nenos.

Aquel gato chamábase Michiño, era un animal doce, valente e listo... como nunca xamais coñecín.

Recollido por Gonzalo Fernánez Fernández- 2ºA
Informante: Juan M. F

O LADRÓN

Contoume unha curmá miña que unha noite un ladron foi roubarlle o xamón ao cura.

O ladrón meteu o xamón nun saco e foise polo cemiterio, e xusto nese intre pasou unha persoa que ao ver ao ladrón cun saco ás costas pensou que levaba un morto e fuxiu correndo... tanto, que perdía o cú.


Recollido por Lucia Vázquez González
4º B

A RAPOSA ENGANADA

Habia unha vez unha raposa que tiña sona de ser moi... moi... lista .
Normalmente as raposas son moi listas, pero a esta, sobre todo, ninguén fora quen de enganala nunca.

Un dia,unha aguia e algúns paxaros máis que estaban reunidos deron en argallar de ver quen seria o guapo capaz de enganar á raposa.

Primeiro falou a aguia, e dixo:

- Veña, pois eu animome a ver se a convenzo dunha cousa.

Asi foi que... daquela achegouse a ela e dixolle:

- Ei, raposa! Non sei se sabes que van ser as vodas no ceo
¿Non quererías vir?
Vanse celebrar no pico do campanario da igrexa.

A raposa contestou:

- Pero, aguia... eu non che son capaz de chegar até alí!

E retrucoulle a aguia

- Non sexas caguichas, muller!
Se ti queres vir: sobe enriba miña e lévote eu!

A raposa preguntou:

- Oíches, non me estarás enganando?

E contestoulle a aguia, moi seria:

- Eu nunca enganei a ninguén, sempre dixen a verdade.

A raposa, xa máis interesada en participar, seguiu preguntando:

- E logo... que vai haber?

A aguia, moi argalleira, e sabendo que a raposa picara no anzol, seguiu largando:

- Pois sei que caciñan unha aguia e un corvo, e vai haber galiñas e pitos, doces e tartas.Vaiche haber comida a esgalla!

Tanto comvenceu a aguia na raposa, e tan ben lle puxo o conto que finalmente aceptou o convite:

- Vale, de acordo. Daquela levasme ti, nonsi?

A aguia satisfeita contestou :

- Si , claro que te levo!
Ti ponte enriba miña e eu levote ata o cume do campanario .

E asi o fixo a raposa.
Resulta que chegaron ao alto do campanario e alí non habia nadiña de nada. Cando a raposa baixou do lombo da aguia esta berrou satisfeita:

- Ai, raposa! Ti serás moi lista pero…viches? Enganeite
Non hai voda nin tal nada! Asi que agora a ver como te amañas para baixar, que eu marcho sen ti.

A coitada da raposa, comezou a albiscar para un lado e para o outro…Pero, claro, o campanario estaba moi alto e se se chimpaba dende aquela altura, de certo que se mataría.

Asi que decidiu agardar, por ver se alguén, véndoa alí enriba tan soíña, sentia mágoa dela e axudábaa a baixar.
E sorte que asi foi:

Ao pouco pasou por ali un paxaron moi grande que tivo pena dela e dixolle:

- Veña, vén que te baixo!

Cando xa voaban cara abaixo, a raposa ia dicindo

- SE DESTAS ME SALVO E NON MORRO,
AS VODAS DO CEO NON VOLVO!

Gabriela Seijas Vijande
5ºB EI

O CONTO DOS FIGOS

Erase unha vez...tres irmáns que quedaran sen familia. Estes tiñan unha figueira. Un dia, o irmán maior, decidiu levar unha cesta de figos ao mercado.

Polo camiño atopouse cunha vella que lle dixo:
-Bos dias! Que levas dentro da cesta?

Ao que el respostou:
-Levo bechos!

Enton a anciá díxolle:
-Que asi sexa!

E cando chegou ao mercado abriu a cesta e viu que no seu interior só habia bechos.

Ao dia seguinte, o irmán mediano, decidiu tentalo de novo pero pasoulle o mesmo có primeiro.

Ao terceiro dia, encamiñouse o irmán máis pequecho. Polo camiño saiulle a vella, quen lle dixo:
-¿Qué levas na cesta?

Ao que el respostou:
-Levo figos!... ¿quere dous?

Entón a anciá díxolle:
-Si gracias!

E ao chegar ao mercado viu que a cesta estaba chea de preciosos figos e, non só iso, senón que,cando as ía vendendo todas, aparecian mais e mais.
Daquela foi que, pola noite chegou á casa cunha morea de cartos.


Recollido por Nuria Koukolis Lorenzo- 6ºB

O COUTO DA MOURA

Ola!
Chámome Daniel, e teño 9 anos.
A lenda que vos vou contar pertence ao pobo do meu avó Gil, el contouma así, e así vola conto a vós:

Trátase dun couto, o couto da Moura. Contan as xentes do lugar, e entre elas o meu avó, que no alto dun couto vivia unha moura, unha moura moi fermosa que tiña unha loira e longa cabeleira.

Din que todos os dias cando comezaba a saír o sol, a moura saía da súa casa e subía até un grande penedo, onde peiteaba a súa longa cabeleira cos primeiros raios de sol .

A sua cor loira era tan intensa que mesturada coas raiolas do Sol facía uns destellos tan dourados que deslumbraban a mirada de todos aqueles que ollaban para o penedo.

Cando o sol se pousaba no ceo, ela, voltaba ao seu couto, e non se volvia a ver até a noite, na que, coa lúa chea volvia ao penedo a peitearse.

O brilo da lúa pousabase con agarimo no seu cabelo e este alumeaba o ceo, coma se fosen mesmisimos fios de prata . E asi dia tras dia e... noite tras noite.

Tamen din que no inverno, cando o sol era tapado pola néboa, e na noite a lúa estaba agochada entre os nubarrons e non se vía , polo couto viaxaban, aínda que non chovera, finisimos fios de auga . E a xente dicía que a moura estaba a chorar por non poder saír, e subir a peitearse ao seu penedo .

Meu avó tamén me contou que sendo cativo coma min, levado pola intriga pero tamen cheo de medo, subiu ata o couto da moura. Ali ollou coma ela se estaba peiteando no seu penedo, ela ao decatarse volveuse hacia el e simplemente sorriulle e logo esvaeuse.

Ata aquí a lenda do couto da moura, e se non o credes: vós mesmos podedes ir e ver coma daquel penedo -cando o tempo o permite- aínda se poden ver fios de ouro no dia e fios de prata á noite


Recollido por: Daniel Mo Gil -4ºB

O TESOURO DA ILLA DE ONS

Estando de soldado na Africa, un mariñeiro da Arousa escoitou a un mouro falar de tesouros; achegouse a el e o mouro dixolle en segredo:

- Na illa de Ons haiche unha fonte chea caracoíños de ouro.

Cando voltou, cumpido o servizo militar, o mariñeiro aproveitou unha mañá que voltaba de pasear para facer recalada na illa. Andou na procura da fonte e, depois de moito pescudar, atopouna no lugar mesmo que o mouro lle dixera.

Entón, sen perda de tempo, foi a Arousa fretou unha dorna ben cumprida e de noite voltou ao lugar da fonte do mouro para enchela de caracoíños.

Colleu unha morea deles, e mentres os ía soprando un por un, encheu a dorna de ouro... facéndose millonario.

Recollido por: Caleb Iaran – Infantil 5B

O RAPAZ E O DEMO

Contoume o meu avó, que sendo el noviño oiu a historia dun rapaz. A historia era así:

Fixérase noite, e un mozo ía camiñando de volta para a casa por unha corredoira. De súpeto escoitou un ruido. Ao primeiro non sabía de onde viña, mais logo se decatou de que, quen o fixera, fora un carneiro.

O rapaz botou a correr tras del, até que por fin conseguiu collelo. Atouno e púxoo ao lombo.

Pero resulta que o carneiro comezou a falar, dicindo:

- “Póusame, paso, póusame, paso e non me rompa-lo simbilibaso”.

O rapaz para ver o que contecia virouse, e xa non había carneiro.
A quen levaba enriba era ao mesmo demo. Sen pensalo tirouno do lombo e botou a correr...coma se tivese un foguete no cú.

Dende aquela, dende tal cousa, non se fiaba nin de carneiros nin de cabirtos.


Recollido por: Denise Pena Lestón - 4ºB

O HOME E A CORDA

Contoume a miña tia que un dia un home indo para a misa atopou unha corda no camiño. O bo do home entrou coa corda na igrexa e quedou durmido. Entón o crego, para espertalo, dixolle :

- Acorda pecador, acorda!

Enton o home dixo:

- A corda non a roubei... que a atopei!


Recolllido por: Lucia Vazquez Gonzalez 4ºB