O CONTO DO PARVO E O LISTO

Eran dous irmáns, un parvo e outro algo máis listo que vivían coa súa nai.
Namentres a nai traballou todo foi bastante ben, pero a coitada enfermou e tivérona que coidar os fillos, xa que non tiña a ninguén máis que o fixera.

Un día díxolle o listo ao máis parvo:
- Eu vou aos toxos e ti daslle o almorzo á nai.
(ningún dos dous fora onda ela desde a noite anterior)

O parvo puxo o pote ao lume, fíxolle as papas e levoulle unha cunca e mailo pote onde a cama.
Chamou por ela e non lle respondeu. Entón o parvo púxolle o pote enriba dela e a taza na cama, e díxolle:
- Para que comas cando queiras! (e marchou todo enfadado).

A nai xa non precisaba do almorzo pois a coitada estaba morta.
Vai ti saber canto tempo levaba morta!

Cando voltou o listo dos toxos díxolle ao seu irmán:
-Almorzouche a nai?

O irmán parvo respostoulle:
- Non me falou, pero o almorzo quedoulle alí.
Que o coma cando queira! -dixo anoxada-

O irmán listo foi onda ela. Chamouna e tampouco lle falou, entón dixo:
- Ela debe estar morta porque está moi fría
Que lle fixeches?

O parvo contestoulle:
- Eu non lle fixen nada. A min non me falou e deixeille aí o almorzo para que o comese cando quixese.
- E agora como imos facer para enterrala? Vai ser mellor que collamos esa cancela e a levemos nela á igrexa -dixo o irmán listo-

Como eran dous homes con moita forza, levarona á igrexa sen atrancos.

Mais, o que vos son as casualidades!
Cando eles chegaban ao adro da capela, saían uns ladróns de roubar na casa do crego. O parvo e mailo listo agocháronse subindo a un carballo eles e a cancela despois de deixar á nai no chan tras dunha árbore.

Os ladróns sentaron, por mala sorte, baixo o carballo e puxéronse a contar e repartir os cartos que lle viñan de roubar ao crego.

Un dos ladróns tña sede e dixo:
- Quen me dera unha auguiña do ceo!

E o parvo díxolle ao listo, de vagariño:
- Méxolle...méxolle?
- Non, non -dixo o listo-, pero xa era tarde e o ladrón bebeu.

O ladrón voltou dicir:
-Quen me dera unha tortilliña....teño unha fame!

O irmán parvo preguntoulle ao listo:
- Cágolle...cágolle ?
- Non , non -dixo o listo-, pero xa era tarde e o ladrón como tiña moita fame, era de noite e non se vía, comeuna.

Cando rematou de comer dixo:
- Ai, se viñera un raio do ceo e nos matase!

O parvo non o pensou máis e botoulle a cancela do carballo embaixo. Porrón...pon...pon...pon...!

Os ladróns fuxiron a fume de carozo e co medo que colleron e coa présa, deixaron alí os cartos, ¡que non eran poucos!

Entón os irmáns baixaron da árbore, colleron os cartos, enterraron a nai e:

Viviron felices, comeron perdices, e a nós déronnos coa cancela nos narices!

Um comentário:

Ceip Balaidos-Vigo disse...

Éranche ben parvos os ladróns. Aínda máis cós irmáns.
NORABOA POLO BLOG!